Sunday 19 de May de 2024

“A vida vén do mar” do Abacco acada o primeiro premio no II Concurso de tapas ‘De bo dente!’


O Concello de Ordes colabora nesta iniciativa na que se pretende fomentar a cultura gastronómica na localidade. Tamén haberá importantes premios para quen deposite o seu voto nas urnas

Esta fin de semana entregáronse os premios do II Concurso de tapas ‘De bo dente!’ “A vida vén do mar” do bar Abacco foi escollida como a mellor receita segundo a clientela de Ordes. O segundo e o terceiro lugar foron para “Pizza Star” e “Hamburguesa de polbo” do bar Doniña e da Birroteca – Gastrobar Soul Food respectivamente. No primeiro caso o premio ascende a 230 €, mentres que os seguintes acadan 170 e 120 €.
O acto de entrega tivo lugar no salón de plenos do Concello de Ordes e a el asistiron representantes dos establecementos participantes, ademais do alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, e os concelleiros de Jose Manuel Rodríguez Méndez, José Manuel Mira Gómez, Ana Mª Soneira Liñares e Luis Caamaño Fraga.
Pero non só os cociñeiros levan premio nesta convocatoria, tamén a clientela optaba a importantes lotes. Así Susana Castro Fieira conseguiu o primeiro deles consistente no seu propio peso en cervexa Estrella Galicia, unha visita á bodega de Petroni, e cestas de cervexas internacionais, embutidos artesáns, ademais dunha botella Vallobera Mágnum. O segundo premio foi para Irene Bravo Pérez, o que lle supón poder coñecer a bodega Vallobera, vales para o supermercado Eroski por un importe de 30 € e para calzados Capitán (zapatillas Mustang), así como unha botella Vallobera Mágnum. Por último e en terceira posición resultou escollido Manuel Louzao Castro, outorgándoselle vales de desconto para Javier Alfonso e deportes Capitán, ademais dunha cesta de froitas da froitería A Nova e unha botella Vallobera Mágnum.
Esta nova edición do concurso tivo como finalidade principal incentivar a cultura das tapas, fomentar a calidade destas, acadar un maior número de visitantes no concello e promover a gastronomía local dinamizando a hostalería. En total participaron 26 establecementos principalmente da vila de Ordes, así como doutros lugares como Santa Cruz de Montaos e As Casillas.
Ademais do Concello de Ordes a organización desta iniciativa, o sector hostaleiro de Ordes, conta coa colaboración das seguintes firmas comerciais locais: Calzados Capitán, carnicería Buyo, deportes Capitán, Eroski, Estrella Galicia, froitería A Nova, Javier Alfonso, Petroni e Ramón García.